Com: Sérgio Lago, Lois Gil Magariños, Comba Campoy, Manoel Bonabal Barreiro, Maria Quintans, Elisabete Pires Monteiro, Alexandre Teixeira Mendes, Alberto Augusto Miranda, Marilar Aleixandre, Cruz Martinez, RosaNegra, Alberte Moman, Alba Mendez
Do manequín no escaparate á estrela mediática
A mediados do século dezanove a sociedade europea ábrese paso cara á modernidade enarborando a idea de progreso como estandarte. Só uns poucos, até certo punto nostálxicos, algo decadentes e bastante melancólicos se resisten ao seu avance. O dandi, figura heroica que resiste as arremetidas da modernidade cos nós da súa gravata e con bibliotecas ateigadas dos mellores títulos de todas as épocas de todos os países, enfronta á homoxeneidade, a distinción; á masa, o eu máis absoluto.
A definición máis común de dandismo só fai referencia ao bo gusto, como moito sumado a unha certa excentricidade precursora de novos estilos. Pero os dandis do século dezanove foron moito máis e sobreviviron até os nosos días a través do mito, convertidos en personaxes de novela e en motivos de tratados e ensaios, e tamén a través de certas estratexias que foron asumidas coas vangardas e son perceptibles na obra de moitos artistas contemporáneos.
A narración da exposición articúlase a través de tres figuras paradigmáticas para salientar as achegas de cada un —George Bryan Brummell, Charles Baudelaire e Oscar Wilde— a esta peculiar xenealoxía do dandismo. A mesurada actitude do dandi brummelliano é a necesaria afirmación do eu como única verdade demostrable, o que converte o resto nunha realidade construída, maleable ao gusto daquel disposto a facelo. O baudelairiano constrúe un mundo melancólico, “o último fulgor nas decadencias”, decadente en si mesmo, demostrándose único manipulando os principios da incipiente democracia homoxeneizadora. O dandi wildeano é a icona da modernidade, aquel que vincula a identidade á manipulación ambigua ou excesiva da aparencia e que dotará o termo das connotacións con que chega ao século vinte, o da celebridade e o glamour.
O dandismo é principalmente unha actitude, onde a aparencia é só a exteriorización dunha disposición social, política e tamén moral, que reflicte a vontade de resistencia do individuo dentro da sociedade.